O catalán en Cataluña

O catalán fálase nun territorio de 68.730 km2, repartido entre catro estados europeos (España, Francia, Andorra e Italia) no que viven máis de 13,5 millóns de persoas. A pregunta é inevitable: cantas destas persoas entenden o catalán? Ou, para ser máis exactos, cantas destas persoas o falan?

Onde se fala

A situación do catalán non é homoxénea en todo o seu ámbito lingüístico. Nun extremo temos Cataluña, Andorra e a Franxa de Ponent (un territorio aragonés que fai fronteira con Cataluña) e, no outro, a cidade de Alguer (na illa de Sardeña) e a chamada Cataluña Norte (no departamento francés dos Pireneos Orientais). En Cataluña e a Franxa de Ponent case todo o mundo entende o catalán, e a proporción dos que o falan supera o 75 %. En Alguer e na Cataluña Norte, en cambio, só entenden o catalán a metade dos seus habitantes, e menos da metade fálano. Nunha posición intermedia atópanse os outros dous territorios onde se fala catalán: as Illas Baleares e a Comunidade Valenciana. Así, dos 13,5 millóns de persoas que viven no ámbito lingüístico do catalán, podemos afirmar que o falan máis de 9 millóns de persoas e que 11 millóns enténdeno.

Quen o fala

É moi importante relacionar toda esta información coa idade das persoas. En Cataluña, as Illas Baleares e a Comunidade Valenciana as persoas máis novas son as que entenden mellor o catalán e teñen máis capacidade de falalo. En Cataluña, por exemplo, a porcentaxe dos que falan catalán, que é o 75 % da poboación total, chega ao 90 % entre os mozos de 15 a 29 anos.Na actualidade é moi difícil coñecer a xente nova en Cataluña coa que non se poida falar en catalán.

O catalán no ensino

Todas estas cifras xa demostran que o catalán non é unha lingua minoritaria e recóndita, que só falan os máis maiores e que está a piques de desaparecer porque os pais xa non a ensinan aos seus fillos. Menos na Franxa de Ponent, na Cataluña Norte e en Alguer, o catalán é unha lingua oficial en todo o seu ámbito lingüístico e está presente nalgún grao en todos os ámbitos da sociedade. O catalán, por exemplo, ensínase en todas as escolas, e moitos nenos, sobre todo en Cataluña, reciben case todo o ensino nesta lingua. O catalán tamén está presente nas universidades. En Cataluña, máis do 70 % dos alumnos realizan o exame de ingreso á universidade en catalán, e nas diferentes universidades catalás o uso do catalán como lingua docente sitúase entre o 60 e o 100 %. Por isto é probable que moitos estudantes que veñen de fóra a Cataluña teñan a oportunidade de cursar algunha materia en catalán, unha tarefa que non debe converterse nun reto insuperable se xa saben castelán, posto ambas as linguas son moi similares. A experiencia demostra que unha persoa que saiba castelán tarda menos de quince días en estar en condicións de entender a alguén que fala en catalán. E, por pouco que se dedique, en moi poucas semanas xa saberá falalo e, case sen darse conta, aumentaría o seu capital cultural.

Lingua de cultura

A vitalidade do catalán tamén pode apreciarse nas estatísticas culturais. Cada ano edítanse en España preto de 6.000 títulos en catalán, que constitúen o 12 % de toda a produción editorial española. En Cataluña, o 30 % dos xornais que se venden son en catalán, e a canle de televisión que ten máis audiencia é TV3, que emite toda a súa programación en catalán. No mundo radiofónico, o líder de audiencia, Catalunya Ràdio, tamén emite integramente en catalán. Na cidade de Barcelona, que é unha verdadeira potencia teatral, a maioría de obras represéntanse en catalán. Nesta área, o punto débil do catalán é o cine, onde a súa presenza aínda non chega ás porcentaxes que serían esperables nunha lingua tan profusamente utilizada en todas as demais manifestacións culturais.

Lingua para o comercio

No entanto, o catalán non é só unha lingua para o ensino e a cultura, senón tamén unha lingua para o comercio e os negocios. En Cataluña, por exemplo, é moi difícil ir a un banco ou unha tenda e non recibir atención en catalán; por outra banda, moitos establecementos están obrigados a facilitar en catalán toda a documentación que ofrecen aos seus clientes. Así, un banco debe ter en catalán os talonarios; unha axencia de viaxes os contratos; un hotel as facturas... De feito, todos os habitantes están en contacto co catalán na súa vida cotiá. En Cataluña, o catalán está presente en catro documentos que periodicamente chegan á maioría das casas: a factura da luz, a do teléfono, a da auga e a do gas. En moitos casos, debe engadirse a folla da nómina, que a miúdo é motivo de máis alegrías que as facturas... É certo que a difusión do catalán aínda atopa resistencias nalgúns ámbitos (como os xulgados ou a policía), pero aos poucos as resistencias vanse vencendo. Non queda moito para que o catalán sexa unha lingua igual de «normal" que outras linguas europeas demograficamente comparables, como o danés, o finés, o grego ou o sueco.